🔴 O papa Francisco recibiu esta mañá en audiencia privada un grupo de seminaristas e formadores do Seminario Interdiocesano ‘Apóstol Santiago’, que reúne ás dioceses de Mondoñedo-Ferrol, Santiago de Compostela e Tui-Vigo. Entre os asistentes atopábase o vilanovés Joel Agra, quen participa habitualmente nas cerimonias e actividades da parroquia de San Cipriano de Vilanova.
A audiencia tivo lugar nos palacios vaticanos ás 8:30 horas e contou coa presenza de 22 seminaristas, acompañados polos seus catro formadores e os bispos das tres dioceses. Joel Agra formou parte desta experiencia única, que supuxo un alento no seu proceso formativo como seminarista.
UN SEMINARIO HISTÓRICO
O Seminario Interdiocesano ‘Apóstol Santiago’, o primeiro deste tipo creado en España, naceu como resultado do encontro do papa Francisco co episcopado español o 28 de novembro de 2023. Segundo explicou o rector do Seminario, José Antonio Castro, “a audiencia co Papa é un momento inspirador que axudará ao noso Seminario a seguir camiñando na fidelidade ao Evanxeo e á Igrexa”.
A expedición chegou a Roma o pasado martes e, ademais da audiencia, tivo ocasión de visitar a cidade e fortalecer os lazos coa Igrexa universal. Onte mércores, ás 7:15 horas, celebraron unha eucaristía no altar da tumba de San Pedro, presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, como preparación espiritual para o Ano Xubilar.
REGRESO A COMPOSTELA
Tras o encontro co papa Francisco, o grupo regresará a Santiago de Compostela levando consigo unha experiencia inesquecible. Para Joel Agra, veciño de Vilanova, a audiencia marcou un momento destacado no seu camiño vocacional e reafirma o seu compromiso de servizo á comunidade parroquial de San Cipriano.