A Sección Segunda do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación presentado pola empresa Pirogal, confirmando a sentenza previa que obriga á demolición do galpón construído ilegalmente na parroquia de Coaxe, en Catoira.
O Concello de Catoira, liderado polo alcalde Xoán Castaño, e a Plataforma Veciñal mostraron a súa satisfacción ante o fallo, que reafirma a legalidade das accións emprendidas polo actual goberno local para garantir a reposición da legalidade urbanística. Ambas entidades ofrecerán unha rolda de prensa conxunta o vindeiro luns para valorar a resolución xudicial.
A sentenza sinala que a construción vulneraba as normas subsidiarias de solo rústico e que incluía falsidades esenciais na documentación presentada. Ademais, apuntou que as instalacións non tiñan subministración de auga, evacuación de augas residuais, nin sistemas eléctricos ou de tratamento de residuos, entre outras irregularidades.
O fallo tamén critica que a estrutura non cumpría os parámetros dun galpón agrícola, evidenciando que o propósito real era habilitar un depósito de 6 toneladas de material pirotécnico sen contar coas autorizacións sectoriais necesarias.
O TSXG confirma así a decisión do Xulgado Contencioso nº2 de Pontevedra, que en maio ordenara a demolición inmediata da construción. Contra este fallo, a empresa pirotécnica aínda pode recorrer en casación ante o Tribunal Supremo ou ante o propio TSXG.